Thursday 28 de March de 2024

O Concello da Coruña e a Real Academia Galega abren o calendario de celebracións do centenario do pasamento de Manuel Murguía


Inés Rey: “Esta cidade sempre foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo e a celebración do centenario de Murguía non podía ter o seu xerme noutro lugar que non fose A Coruña”

A conmemoración iniciouse coa instalación dunha placa conmemorativa no cemiterio de Santo Amaro e continuou no pazo de María Pita cun acto institucional

O Concello da Coruña e a Real Academia Galega abriron esta mañá o calendario de actos do centenario do pasamento Manuel Murguía, figura de referencia na literatura galega e do Rexurdimento en Galicia así como fundador da Real Academia Galega (RAG). A alcaldesa, Inés Rey, explicou que “esta cidade sempre foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo e a celebración do centenario de Murguía non podía ter o seu xerme noutro lugar que non fose A Coruña”.

A conmemoración iniciouse no cemiterio de Santo Amaro, lugar onde repousan os restos mortais de Manuel Murguía. Ambas as institucións instalaron unha placa conmemorativa coa cita “O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos”, extractada do discurso pronunciado polo autor no 1891 con motivo dos Xogos Florais de Tui. A académica Margarita Ledo, deu lectura a unha versión adaptada do discurso para renderlle homenaxe a Murguía.

A conmemoración continuou no pazo de María Pita cun acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rey, acompañada por Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura. O académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou a vida e o legado de Manuel Murguía para abrir o acto institucional ao que lle seguiron as intervencións do presidente da Real Academia Galega e do conselleiro de Cultura.

A alcaldesa, Inés Rey, pechou a cita agradecendo á Real Academia a súa boa disposición para comezar os actos de conmemoración na Coruña, “na mesma cidade na que o despedía unha multitude hai agora cen anos, e na que descansará eternamente” sinalou a rexedora. Rey lembrou que o Concello da Coruña foi a primeira institución pública de Galicia en izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921 e destacou a importancia da Coruña como lugar de referentes galeguistas “A Coruña é o lugar onde xacen almas como as de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Luís Seoane ou o propio Manuel Murguía porque atoparon en Santo Amaro o seu refuxio eterno e desde el, esta cidade lembrará sempre o seu labor e a súa pegada” concluíu.